Saltar ao contido

Movemento Apostólico de Schönstatt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo do Movemento Apostólico de Schönstatt

O Movemento Apostólico de Schönstatt ou Schoenstatt é un movemento católico de devoción mariana fundado en 1914 por Josef Kentenich en Alemaña. Na actualidade conta con preto de 100 000 adherentes en máis de 40 países.[1]

O movemento foi fundado polo padre palotino Josef Kentenich en Vallendar, unha pequena localidade a uns sete quiómetros de Koblenz. Alí a Sociedade do Apostolado Católico xestionaba un seminario onde Kentenich impartía clases de Latín e Alemán e do que era director espiritual dende 1912. Canda un grupo de alumnos en abril de 1914 funda unha congregación mariana que dende ese verán se xunta nunha capela no lugar de Schönstatt. Alí o 18 de outubro de 1914 xuran unha alianza coa Virxe María que chaman Alianza de Amor.[2] Mediante ela comprometíanse a entregar a María a súa vida pedíndolle que os educase como a Xesús de Nazaret, tamén lle pedían que a ermida de Schönstatt fose un lugar de peregrinación e acción de grazas quedando consagrada á Mater Ter Admirabilis (en latín: nai tres veces admirable, unha antiga vocación das ladaíñas marianas). En 1915 ao buscaren unha imaxe da Virxe para a súa capela, un profesor regaloulles unha litografía do cadro Refugium peccatorum Madonna (Señora refuxio dos pecadores) pintado en 1898 por Luigi Crosio que se converteu na imaxe do movemento.[3]

Altar do Santuario de Schönstatt no Nadal de 2018

Logo da primeira guerra mundial, o movemento fundou a Liga Apostólica e a Federación Apostólica para difundir a súa espiritualidade. Ademais, en 1922 o papa Pio XI concedeu a súa bendición ao movemento, que, en 1926, creou os primeiros institutos seculares femininos. En 1933 o movemento chegou a Suráfrica e uns anos despois a Arxentina, Brasil e Chile.[4] O ascenso do nacionalsocialismo en Alemaña supuxo un período difícil para o movemento que foi vítima da súa represión, ata o punto de que o fundador Xosé Kentenich estivo detido entre 1941 e 1945 en varios campos de concentración.[5]

Tras a segunda guerra mundial, o movemento coñeceu unha importante difusión, viaxando Xosé Kentenich por varios países para espallalo. Con todo, tamén medrou a polémica sobre Kentenich que lle levou a enfrontamentos coas autoridades eclesiásticas alemás, cos palotinos e tamén con algunha das comunidades femininas do movemento. Finalmente en 1951 a Congregación para a Doutrina da Fe sancionou a Kentenich quen foi trasladado a Milwaukee (Estados Unidos). En 2020 se revelaría, no castigo contra Kentenich tamén había casos de abuso sexual.[6] Finalmente, Paulo VI anulou as sancións e permitiu o regreso de Kentenich a Schönstatt en 1965 onde falecería en 1968.

Dende entón, movemento continuou a súa difusión chegando a ter a principios do século XXI con case 200 santuarios, os mais deles copia fiel da orixinal.[7] En 2014 conmemorouse o centenario da fundación do movemento cunha peregrinación de 10 000 persoas a Schönstatt.[8]

Espiritualidade

[editar | editar a fonte]
Ermida de Friedrichroda (Turinxia) copia da de Schönstatt.

A espiritualidade do Movemento de Shönstatt ten como alicerces:[9]

  • A devoción mariana: procúrase unha relación persoal e íntima coa Virxe, Xesús e Deus.
  • O santuario como espazo para a acción de grazas e no que se reciben as tres grazas da peregrinación: a do fogar, a da transformación interior e a da fecundidade apostólica.
  • A Alianza de Amor: como renovación da consagración orixinal do movemento á Mater Ter Admirabilis.
  • O capital de grazas: son os sacrificios, oracións ou peticións que os devotos fan á Virxe e que escriben nun papel que depositan nunha amboa que hai no santuario. O día 18 de cada mes son queimados como ofrenda.
  • A Santidade cotiá: integrar a fe na vida e tarefas diarias do crente.[10]
  • A Fe práctica na Divina Provindencia: recoñecer á fe na vida do crente para estreitar a relación con Deus.

Organización

[editar | editar a fonte]

O Movemento de Schönstatt organizáse en varias comunidades segundo o grao de compromiso que se queira adquirir:[11]

  • Federacións Apostólicas: tanto na súa rama feminina como masculina é unha asociación de crentes laicos comprometidos coa evanxelización seguindo os principios que inspiran o movemento.
  • Ligas Apostólicas: tamén con vertentes para ambos xéneros, son asociación a nivel diocesano para a mocidade, matrimonio, solteiros, sacerdotes.
  • Institutos seculares: que agrupa a sacerdotes diocesanos, aos padres de Schönstatt e as Irmás de María de Schönstatt (adicadas á contemplación).
  1. "Movimiento Apostólico de Schoenstatt". www.laici.va. Consultado o 2021-11-27. 
  2. "Origem e História de Schoenstatt - Schoenstatt". www.schoenstatt.pt. Consultado o 2021-11-27. 
  3. Fischer, Maria. "La Madre tres veces Admirable de Schoenstatt - la imagen de gracias". Schoenstatt.org (en castelán). Consultado o 2021-11-27. 
  4. "Le pere Josepf Kentenich, qui etait il? Dilexit Ecclesiam Il aimait l'Eglise". www.1000questions.net. Consultado o 2021-11-27. 
  5. "Desarrollo entre 1929 y 1939 Schoenstatt lexico". schlexico.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-27. 
  6. Iglesias, Juan Paulo (2020-07-03). "Vaticano sancionó en 1951 al fundador de Schönstatt por abuso sexual y de poder". La Tercera. Consultado o 2021-11-27. 
  7. "Schoenstatt Shrines - Collaborative database - Schoenstatt Link". schoenstatt.link. Consultado o 2021-11-27. 
  8. "Schönstatt celebra con miles de peregrinos". DW.COM (en castelán). Consultado o 2021-11-27. 
  9. "Espiritualidad". Schoenstatt Apostolic Movement (en castelán). Consultado o 2021-11-27. 
  10. "La espiritualidad de Schoenstatt - Pilgerzentrale Schönstatt Wallfahrt Deutschland". schoenstatt-info.com. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-27. 
  11. "Comunidades de Schoenstatt". Schoenstatt Apostolic Movement (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-27. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]